Chaves para afrontar o confinamento con adolescentes

Chaves para afrontar o confinamento con adolescentes

Adolescentes con ansiedade por culpa da incertidume dos próximos exames, ou que se pechan nos seus cuartos co móbil e non queren saír nin para comer, que van durmir ás tres da mañá, que están enganchados ás redes

Non sempre é sinxelo tratar con adolescentes. Polo momento evolutivo no que se atopan, son tendentes á rebeldía, á negación das normas e á protesta. Así que a idea de pasar tantos días sen saír da casa, sen compartir ratos coas súas amizades, sen a obriga diaria das clases e sen facer deporte, complica a convivencia de moitas familias.

Temos que intentar que o que suceda cos/as fillos/as estas semanas non deixe marcas duradeiras. Para lograr isto, é importante que sexamos conscientes de que todo o que saia por esas bocas non está realmente dirixido cara a nós, senón que é consecuencia da impotencia e a rabia que senten ó non poder saír. Se somos capaces de entendelo, evitaremos entrar en discusións a voz en grito, e eles/as sós se darán conta de que se pasaron da raia.

Suxestións que poden axudarnos a levar este momento da mellor maneira.

  • CORRESPONSABILIDADE. Temos que deixarlles claro que a reclusión non é un capricho dos/as pais/nais e, ademais, debemos facelos/as corresponsables da crise, afianzando a idea de que é unha batalla que gañaremos entre todos/as, e que é un sacrificio que terá como recompensa que están contribuíndo ó benestar de todos/as e, polo tanto, que forman parte dun momento histórico. Para elo, unha boa idea é que participen cada día no “aplauso compartido ós/ás sanitarios/as”, para que sintan que forman parte de algo colectivo e trascendente.
  • ENTENDE A SÚA FRUSTRACIÓN POR NON VER ÓS/AS AMIGOS/AS. Unha conversación directa podería ser útil. Recoñécelle que sabes o frustrante que é para eles/as estar separados/as das súas amizades. Escoita o que sinten, valida eses sentimentos e logo, sé directo/a sobre como podedes traballar xuntos/as para facer que esta situación sexa soportable.
  • VALIDA A SÚA DECEPCIÓN. Para moitos/as, a parte máis dolorosa da crise do coronavirus é perder experiencias importantes: temporadas deportivas, graduacións … Ofrécelles espazo para compartir os seus sentimentos e escoitar sen xulgar (ou sen asegurarlles que todo estará ben). Recoñécelles o estrés real que poden ter e logo exprésalle a túa confianza na súa capacidade de recuperarse.
  • APOIA A EDUCACIÓN EN LIÑA. Isto non son vacacións, seguimos no período escolar. Van recibir os deberes e material de estudo vía internet (correo electrónico, plataformas escolares, vídeo conferencias …). Pode axudarlles crear un horario realista para poder organizarse. Sería bo que pola mañá pasasen boa parte do tempo dedicándose ás tarefas do colexio ou instituto, como se aínda acudiran a el. Pero tamén  fomentando a responsabilidade do/a estudante coa entrega en tempo e forma das tarefas que o seu profesorado considere.
  • É IMPORTANTE QUE SAQUEN TEMPO PARA OUTRAS ACTIVIDADES. Deseñade unha táboa horaria na que figuren o tempo individual, en familia, de estudio, de socializar, de deberes, de tele, de exercicio … E todo elo escrito con claridade, con certa flexibilidade, e, con algún sistema de recompensa se se cumpren o horario e as normas da casa, e de consecuencias se non se cumpren.
  • FOMENTA HÁBITOS SAUDABLES. Iralles mellor durante este tempo estresante se manteñen un horario de soño constante e suficiente, con tempos predecibles para espertar e deitarse. E se levan unha alimentación saudable, coidan a hixiene e fan exercicio regularmente. Todo isto é especialmente importante para manter un estado de ánimo positivo e a súa capacidade para cumprir coas expectativas académicas.
  • NON VEXAS O ENCERRO NO SEU CUARTO COMO UN REXEITAMENTO. Está construíndo a súa identidade e precisa espazos de intimidade e soidade. Dalles o seu tempo, pero limitado, iso si.
  • CONCÉDELE ALGÚN EXTRA. Faille algún guiño, cede en algo, concédelle algún capricho, permite o extraordinario nunha situación que tamén o é … logo, tamén será máis fácil negociar outras cosas.
  • INVÍTAO/A A ABRIR AS FIESTRAS Ó MUNDO. A solidariedade e a xenerosidade son o antídoto para eles/as e para estas situacións. ¿Que poden facer polos/as da casa? ¿E polos/as de fóra? ¿A quen poden chamar? ¿Que maiores ou persoas vulnerables hai no seu entorno?

Contra o desánimo … calma e comunicación.

A pesar de todas estas recomendacións, vai ser habitual ó longo de estas semanas que haxa momentos de desánimo, sensación de illamento e ansiedade entre os/as adolescentes, pero tamén entre nós. Somos as persoas adultas as primeiras que debemos controlar esas emocións. Se estamos ben, mantemos a calma e promovemos unha comunicación afectiva na casa, todo será máis levadeiro.

Temos unha grande oportunidade.

E buscando un aspecto positivo, as circunstancias ofrécennos unha oportunidade de pasar máis tempo en familia. Aproveitemos para facer aquelo para o que nunca tivemos tempo:

  • Falar
  • Xogar
  • Cociñar xuntos
  • Ver unha peli
  • Interesarnos polas súas afeccións, cancións favoritas, intereses …

Aproveitemos esta oportunidade para achegarnos máis a eles/as.

Equipa FOANPAS.

(Texto de Mónica Calvo Serrano (psicóloga), traducido o galego por María Jesús Granja (pedagoga de Foanpas) e maquetado por Óscar Souto (Secretario de Foanpas e especialista en TIC)