Quen somos?

A Federación

FOANPAS somos a Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais do
Alumnado de Vigo e a súa bisbarra, que xurde no ano 1992. Somos unha entidade sen ánimo de lucro constituída ao abeiro da Lei Orgánica 1/2002, de 22 de Marzo.
Na actualidade FOANPAS constitúena 75 ANPAS pertencentes ao Ensino Público nas súas diferentes etapas (EEI, EIM, CEIP, CEP, IES, CIFP, FP e CEE) da zona de Vigo e contorna.

PRINCIPIOS

1. Conquerir un ensino público de calidade e, como non pode ser doutro xeito, totalmente gratuíto.
2. Ensino que favoreza o desenvolvemento das diversas personalidades respectando os dereitos de todas as persoas que compoñen a nosa sociedade, defendendo a pluralidade e a convivencia respectuosa.
3. Principio de autonomía das súas asociadas. A Federación respecta a autonomía das asociadas (as asociacións), dando sempre un servizo de asesoría en aspectos de organización e xestión, para as que así o demandaren.
4. Principio de Igualdade das asociadas. A Federación baséase no principio de igualdade de todas as ANPAS que fan parte.
5. Liberdade de asociación de cada ANPA, libre e voluntaria.
6. Principio de independencia. Ningunha asociación ou directiva de asociación pode utilizar FOANPAS en defensa de intereses particulares e persoais ou con fins políticos.
7. Independencia de calquera organización política.

OBXECTIVOS XERAIS

• Coñecer e dar a coñecer a situación do ensino público.
• Representar e defender as ANPAS federadas e os seus intereses.
• Colaborar coas administracións e autoridades competentes nesta materia (Consellería de Educación da Xunta de Galicia, Concellaría de Educación do Concello de Vigo, e doutros concellos das ANPAS asociadas) participando en todos os organismos e consellos. • Fomentar a creación de Consellos Escolares Municipais (en todos os concellos das ANPAS asociadas).
• Potenciar e coordinar esforzos de todas as ANPAS que pertencen a FOANPAS.
• Potenciar a formación das ANPAS, proporcionando as ferramentas para que poidan desenvolver as súas funcións mediante servizos mancomunados ou comúns (Xestión administrativa das súas asociadas, Comunicación coas súas asociadas, Seguros Responsabilidade Civil, LOPD, rede de comedores escolares, aulas matinais e actividades extraescolares.
• Cumprimento da lexislación vixente en materia de transparencia económica e rendición de contas ante as súas asociadas.
• Asociarse con outras federacións a nivel autonómico, estatal e/ou europeo, da mesma natureza e fins.
• Promover toda clase de actividades culturais e formativas que potencien a formación integral de alumnado, familias e comunidades educativas.
• Potenciar e utilizar a lingua galega e cultura galega como o xeito de sermos e estarmos no mundo e eixo fundamental dun ensino de calidade.
• Potenciar a participación das diversas familias nos Consellos escolares e a colaboración estreita cos equipos directivos, na procura dun ensino público integrador e de calidade.

ORGANIZACIÓN

FOANPAS temos un órgano lexislativo e democrático: é a Asemblea Xeral formada por todas aquelas representantes das ANPAS que a forman.
A Asemblea Xeral elixe o órgano de goberno de FOANPAS de entre as súas asociadas (que terán que pertencer a unha ANPA asociada) que é a XUNTA

DIRECTIVA

A Xunta Directiva é un órgano colexiado no que a Asemblea Xeral delega a xestión diaria e o seu goberno.
A Xunta Directiva está obrigada a facer, cando menos, dúas Asembleas Xerais Ordinarias ao ano (inicio e final de curso lectivo) e o número de Asembleas Xerais Extraordinarias que considere oportunas para pedir opinión e aprobación á Asemblea Xeral en temas de relevancia para a organización da Federación.
A Xunta Directiva de FOANPAS está composta polos seguintes cargos:
– Presidencia (1 persoa).
– Vicepresidencia (1 persoa).
– Secretaría (1 persoa).
– Tesourería (1 persoa).
– Vogais (número ilimitado).
– Todos os cargos son persoais e intransferíbeis durante o período de vixencia da directiva. As persoas que ocupen un cargo deben facer parte de algunha ANPA asociada.
O mandato da Xunta Directiva terá un período de vigor de dous anos e os cargos poden ser revocados pola Asemblea Xeral.Os cargos da Xunta Directiva non serán remunerados, sen prexuízo do dereito de reembolso dos gastos ocasionados durante actuacións propias do seu mandato ou na representación de FOANPAS.

FOANPAS temos contratadas 5 profesionais que realizan as súas funcións para que a Federación poida acadar os seus obxectivos:
• 2 administrativas, un posto a tempo completo e outro a tempo parcial.

• 2 postos de pedagoxía, un posto a tempo completo e outro parcial.

• 1 persoa vencellada a comedores como control de calidade, auditoría e seguimento das problemáticas alimentarias e de convivencia nos comedores escolares da rede de FOANPAS. Xornada completa.