Skip to content

Comisión NEAE

A Comisión Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE) nace a  finais do 2001 cando un grupo de nais de crianzas afectadas por leucemia trasladaron a necesidade da atención educativa domiciliaria, conseguindo que en decembro do 2002 a Consellería de Educación aprobase unha Orde na que se garantía a atención domiciliaria.

Ao longo de todos estes anos foron xurdindo novos retos e necesidades, unhas nais foron dando o relevo a outras. Na actualidade, esta Comisión está formada por varias subcomisión para dar cabida a diversidade de necesidades. Xunto con estas familas temos colaborando especialistas que están a vivir o día a día da realidade das persoas con diversidade funcional.

Este grupo de traballo parte das convivencias e experiencias individuais e colectivas que están a experimentar no quefacer diario dos seus nenos e nenas con diversidade funcional no ámbito escolar. Dende as súas vivencias en centros de ensino público, enténdese que hai un obxectivo común que é  a INCLUSIÓN real no eido socioeducativo, que vai máis alá da mera integración en centros de ensino ordinario.

Baixo un clima de colaboración, afecto, motivación e acollida, facemos valoracións do sistema escolar da cidade en referencia aos escolares con necesidades específicas de apoio educativo. Nesta comisión analízanse os textos legais que regulan as atencións a estes discentes e ás súas familias, compártense experiencias e apórtanse ideas de cara a combater o inmobilismo social e promover a resolución de conflitos xerados na intervención, ou deixadez, para/con nenos e nenas con diversidade funcional.

Formamos un equipo de traballo implicado, activo e autónomo que funciona baixo o paraugas da sensibilidade e o tacto pedagóxico traballando a prol dunha mellor atención a estas pequenas persoas que máis adiante serán cidadáns/cidadás adultos/as, autónomos/as e libres, en convivencia cos/coas demais:   “CON TOD@S –  COMO TOD@S”

Día a día, semana a semana… a comisión traballa de forma totalmente autónoma a través das redes sociais e dos recursos dinámicos e colaborativos que facilita hoxe en día a rede informática da internet. O obxectivo é ir cumprindo pequenas metas integradas no proxecto de traballo definido a principios de curso ou de ano.

Mediamos en conflitos e representamos a toda a poboación escolar con NEAE co obxectivo común da INCLUSIÓN real e efectiva en todos os eidos da vida, coa pretensión de darlle voz a todas estas persoíñas. Esta comisión, a través das súas voceiras, visibilizan unha crúa realidade que están a padecer coas continuas desorientacións dunha Administración escusada no inmobilismo social e no baleiro competencial da súas responsabilidades.

Neste curso, a Comisión centrou os seus esforzos en varios eidos:

  • Na mediación coas diferentes administracións para que atendan as nosas demandas e tratar de sensibilizalos explicándolles, como nais e pais que somos, o camiño que estamos a facer e elaborando propostas, sinxelas e de custe cero ou moi reducido, que facilitarían o pleno desenvolvemento destes grandes pequenos cidadáns.

  • No apoio ás familias con alumnado NEAE, proporcionándolle información e asesoramento, acompañándoos para realizar trámites, así como facilitando a atención no comedor a nenos e nenas NEAE.

  • Na organización de actividades formativas e informativas coas que se persegue a análise e o coñecemento da situación real dos/as escolares NEAE na nos cidade para, así, buscar a maneira de mellorar a calidade desta no sistema educativo ordinario, amosando como a experiencia dos/as nenos/as diversos/as nas aulas enriquece a experiencia vital dos compañeiros e das compañeiras, así como a educación en valores.

Non queremos parques específicos para el@s, non queremos campamentos de verán específicos para el@s, non queremos que un irmán ou irmá con diversidade funcional quede fóra da actividade vendo como o seu irmán ou a súa irmá maior participa.

FOANPAS
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.