Acceso telefónico: (ES)+34 960 46 28 28 PIN: 357 220 016#
Dende a Confederación ANPAS Galegas*, este curso iniciamos unha campaña de visibilización e información sobre os protocolos educativos publicados pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Estes documentos son ferramentas ó alcance da comunidade educativa que serven para mellorar a atención educativa ó alumnado, o seu desenvolvemento persoal, afectivo e social e a convivencia. Porén, son uns grandes descoñecidos entre as familias, de aí o lanzamento desta campaña.
Nesta ocasión, trataremos o Protocolo para a atención educativa ó alumnado con discapacidade auditiva e facémolo nunha data significativa, xa que o 14 de xuño se conmemora o Día Nacional das Linguas de Signos Españolas.
Contaremos con Benigno Sánchez, orientador do CPI Xunqueira, quen nos mergullará neste protocolo e nos seus aspectos máis importantes; con Isolina Piñeiro, presidenta da organización ANPANXOGA, dándonos a visión e experiencia das familias e, pecharemos con algo moi especial, un conto en lingua de signos da man de AZ Lengua de Signos.
*Confederación ANPAS GALEGAS somos as Federacións de ANPA de: Cangas do Morrazo, Comarcas Condado-Paradanta e Louriña, Federación Galega “Compostela”, Provincial da Coruña “Costa da Morte”, FerrolTerra, Provincial de Lugo, Val Miñor e Vigo