Comparto moitos dos aspectos xa expostos, como o da brecha dixital de moitos alumnos e alumnas que, nestes momentos, se pon máis de manifesto pola situación que atravesamos; mais gustaría encamiñar a miña reflexión a pór en cuestión o currículo e as metodoloxías que se implementan, ou mellor dito, ás que non se potencian nin impulsan nos centros debido ao encorsetado do temario (ás veces tamén ao temor do propio profesorado de non estar á altura en canto a formación e outras ás poucas facilidades das propias direccións dos centros e, por suposto, da administración).
Nunha situación como a que nos está tocando vivir, se a administración puxesen a andar este tipo de metodoloxías, houbera sido de moita axuda, por exemplo, para que o alumnado puidese a traballar con metodoloxías activas como ABP, traballo por proxectos, aprendizaxe e servizo, etc. Para isto non son imprescindibles as tecnoloxías, poderíanse estar aumentando contidos dun xeito máis racional e o alumnado adquiría os contidos sen ser bombardeado (en moitas ocasións) de fichas de reforzo e repaso. Estas metodoloxías activas ofrecen a oportunidade de contextualizar a aprendizaxe nun contorno máis próximo e coñecido para o alumnado.
Como dicía Jonh Dewey “O ideal non é que un neno acumule coñecementos, senón que desenvolva capacidades”. Fálase moito de competencias básicas, de obxectivos, de contidos…, mais realmente estamos preparando ao noso alumnado para afrontar unha situación como esta na que estamos e que ben seguro volveremos vivir? Esta situación vai levarnos a realidades coas que non contabamos, para as que non estamos preparados, por iso isto debería servirnos para vermos a educación doutro xeito, para mudar o xeito de preparar ás futuras xeracións. Debemos preparar ao noso alumnado para que sexa competente, é dicir, para que poida ter capacidade de poder dar resposta a demandas complexas e levar a cabo axeitadamente tarefas diversas.
Coido que é un bo momento para esixir un cambio substancial na educación e sobre todo de pór en valor aos profesionais da mesma,
hoxe estase deixando toda a responsabilidade nas súas mans e non é de xustiza.
Hoxe, máis que nunca, podemos ver o gran distanciamento existente entre a escola e a realidade. Para ter unha aprendizaxe significativa os contidos deben axustarse á realidade (isto na actualidade non está acontecendo), deben mudar os procesos de avaliación centrándoos máis nas fortalezas dos alumnos e alumnas, temos un modelo de educación demasiado ríxido e fiscalizador.
Quizais o máis intelixente sería aproveitarmos este momento para mudar o noso sistema educativo encamiñándoo a facer do noso alumnado persoas competentes en todos os ámbitos, unha educación capaz de fomentar e valorar a creatividade, a crítica e a autocrítica, que teña en conta as súas potencialidades , fomente as emocións, favoreza a autonomía, en fin, que sexa capaz de ver alumnas e alumnos como un todo (emocións, potencialidades, rendemento académico, contexto evolutivo, intereses, familia, relacións ) favorecendo a integración coa familia para unha maior e mellor relación con elas.
Hoxe estáselles pedindo ás familias o sobreesforzo do papel de “animadores educativos”, é un rol moi importante dentro da educación, estamos a ver que deben asumir o traballo en “paralelo” coa escola e non tan só o papel de “fiscalizar” o traballo dos nenos e nenas, e moitas veces o do propio profesorado. Xa que estes días teñen a oportunidade de compartir actividades escolares cos seus fillos e fillas é o momento de que se integren como un axente máis da comunidade educativa e remarmos todas e todos na mesma dirección.