Miles de mortos, centos de miles de familias na ruína económica, milleiros de persoas con afectacións psicolóxicas importantes e o mundo do ensino preocupado en non perder nivel académico, facendo ver que é posible seguir o ritmo das aprendizaxes como se non pasara nada, só porque temos (quen teña) ordenador e acceso a Internet …
É hipócrita pretender que co precario manexo que docentes e alumnado temos das ferramentas tecnolóxicas , poidamos realizar unha docencia eficaz. Así moitos colegas están esgotados nunha carreira que perden todos.
É obsceno centrar a preocupación no nivel académico diante da traxedia social que estamos vivindo e a que nos agarda.
E sería unha verdadeira mágoa, non ver o que este confinamento ofrece ao mundo do ensino, a oportunidade de atender o mundo emocional, sempre asoballado polas presas polos contidos académicos que se priorizan ante o que é verdadeiramente importante da nosa labor profesional: O acompañamento, apoio e guía a seres en formación, seres humanos vulnerábeis na súa dependencia dos adultos de referencia, entre os que nos atopamos os mestres. A Escola esqueceu que o noso labor é axudar a eses seres a medrar sans física e emocionalmente, axudar a alumbrar neles a autonomía de xuízo e o libre desenvolvemento das súas competencias naturais que os dote para a construcción dunha sociedade mellor.
Non só sería unha magoa non aproveitar esta oportunidade, se non que é especialmente necesario neste momento acompañar emocionalmente a estes seres que presencian por primeira vez nas súas vidas, que os seus adultos tampouco entenden o que pasa e temen polo que pasará no futuro; esta incertidume e medo nos pais e nais chega aos menores en forma de ameaza vital. Que a escola continúe envía ás crianzas a mensaxe de que a pesar do confinamento, hai moitos aspectos da nosa Vida (como parte da Natureza) que continúan con normalidade, como cando a primavera mostra fachendosa o seu desobediente avance no agromar de flores e no canto bulicioso dos paxaros pola mañá. Que as crianzas experimenten a pertenza ao seu grupo de compañeiras e a compañía serena da profesora axúdalles a desenvolver ferramentas persoais para afrontar a situación. Ferramentas que lle han de servir no seu futuro, probablemente moito máis que a lección de matemáticas que están a perder e que poderán retomar dentro duns meses.
Esteamos presentes os profesores, somos unha referencia importante para eles, promovamos a cohesión grupal, pero non engadamos estrés, confusión e incertidume a esta situación, que sabemos moi difícil para moitas familias.
Entón é o momento de axudalos a medrar nos aspectos persoais, de irmos ao cerne, á terra. Que importa se aprenden esa suma tres meses despois, se, no canto diso aprendeu o valor dos coidados, a prendeu a cociñar coa nai, a limpar co pai, aprenden o valor do tempo en familia, aprenden a imaxinación e a xestión do tempo propio, aprenden a diferenciar o importante do accesorio?.
Como facelo é a pregunta que cada día me pon diante do abismo, pois apenas fomos (mal) entrenadas para aprender as matemáticas e a linguaxe, nunha carreira apaixoante por reinventarme, por recoñecer e recoñecermos na pantalla por mudar o punto de vista, imaxinar, desenvolver recursos que nen sabía que tiña, é o momento de reinventar a Escola. E de tomar nota para non voltar nunca a “aquela” normalidade que, enriba de ser ineficaz no eido académico, abandonaba as persoas e o seu proceso de maduración persoal. Se non somos quen de facer, despois da crise, unha revisión sobre a nosa actuación, teremos estragado a mellor oportunidade do mundo nunha (outra) lamentábel proba da nosa incompetencia, deshonestidade e irresponsabilidade.
Por tanto, aparte do (acompañamento docente ate o remate de curso que nunca ocuparía as 5 horas diarias ás crianzas nen as 7 ás docentes), promoción automática de curso (por imposibilidade de valoración obxectiva) e dende este preciso instante, creación dun equipo de profesionais ligados ao mundo educativo (psicólogos, docentes, pedagogas,neurocientíficas…) que, tendo en conta as consideracións dos docentes,elaboren propostas de adecuación do currículum, non só á “perda” do trimestre, senón a novos criterios máis respectuosos coas crianzas e máis eficaces cos obxectivos da escolarización.
En poucas palabras, menos é mais, menos contidos, mellor aprendidos.