Skip to content

Que non quede nin un atras!

Todos somos conscientes da excepcionalidade desta situación. E todos estamos dispostos a poñer todo o máis que poidamos para sobrelevala da mellor maneira posíbel. Agora ben, todos somos conscientes tamén dalgunhas problemáticas previas que, nestas circunstancias, non farán máis ca agravarse podendo chegar incluso a pór en perigo a escolaridade dunha parte do noso estudantado.

Consideramos que velar porque isto non ocorra debera ser tarefa previa a calquera nova excepcionalidade no noso traballo.

Somos conscientes de que ese NON ACCESO dunha parte do noso estudantado ao ensino virtual que puideramos ofrecerlle pode deberse a tres circunstancias:

  1. NEGLIXENCIA FAMILIAR: E caso de pais/nais/titores que non estean cumprindo coas súas obrigas de escolarización obrigatoria dos seus titorados menores de idade, ao non ofrecer vías de comunicación válidas con eles nin estar eles informándose a través das vías establecidas nestas circunstancias
  2. IMPOSIBILIDADE FAMILIAR: Caso de familias que non dispoñan de recursos económicos para facerse cun ordenador, unha conexión a internet ou un teléfono móbil que poidan poñer a disposición dos seus fillos. Ou ben tendo modesto acceso a rede, non teñen espazo ou condicións mínimas no fogar.
  3. ALUMNADO NEAE: O alumnado con necesidades de apoio educativo, do que hai varios exemplos en cada centro, precisa dun reforzo extra tanto persoal como de adaptación curricular.
  4. FALTA DE VONTADE: no caso de que, aínda estando informados e non constando dificultades no seu acceso á informacion, o alumnado non acceda por vontade propia ás actividades en liña que lles propoñamos.

Obviamente calquera destas situacións nos exceden como docentes. Mais, en circunstancias normais, as respostas a estes problemas básicos están garantidas desde os centros e, nestas circunstancias excepcionais, non o están.

  • En circunstancias normais o alumnado asiste a clase e, de non facelo, son avisadas os servizos sociais pertinentes. Nestas circunstancias, como facemos?
  • En circunstancias normais os centros suplen moitas das carencias que o alumnado poida ter nos seus fogares e, nestas circunstancias, como o podemos facer?. Desde logo, con tres ordenadores con conexión por centro, non.
  • E en circunstancias normais o profesorado levamos a cabo un labor inxente de motivación do estudantado con máis dificultades ou cunha situación familiar máis complexa, para tentar que culminen a súa escolarización con éxito. Mais sen o acceso a eses estudantes (como estamos constatando nestas últimas semanas) non o podemos facer.

Como colectivo e como sociedade, estamos obrigados a garantir o acceso á educación do noso estudantado da primaria e da ESO, que é ensino obrigatorio, ademais de garantir que o estudantado que quería estudar Bacharelato ou Ciclos Formativos tamén poda facelo en igualdade de condicións. E para iso consideramos que estas problemáticas teñen que ser postas sobre a mesa para que se lles poña remedio de maneira efectiva antes de prantexar un novo cambio de método de ensino.

Ningún de nós fomos preparados para esta continxencia: nin os docentes, nin os estudantes nin os pais/nais. E, nesta situación de emerxencia, deberamos ter un enfoque amplo e á vez preciso, que permita analizar o que xa non estaba ben antes (e por suposto non mellora nestas circunstancias), solidarizarnos cos que máis dificultades teñan e garantir non deixar nin un alumno/a atrás.

Ao mesmo tempo tamén queremos deixar constancia das nosas dificultades como docentes.

  1. Estamos limitados no noso acceso a datos a través do correo electrónico corporativo, que non ten unha capacidade apta para o traballo en xeral, e menos para o traballo en liña.
  2. Traballamos con liñas sobresaturadas provocando que por veces nos imposibilita ou nos dificulta enormemente un acceso decente tanto ao profesorado como ao alumnado .
  3. Traballamos desde o rural, a onde en moitos dos casos non chega nin a Internet por cabo nin por antena.
  4. Estamos a usar os datos móbiles do teléfono e, canto se esgotan, contratando mais. Pagando todo do noso peto.
  5. Estamos a cargar as titoras e titores de grupo cun traballo inmenso, e descargando sobre eles o contacto e interlocución coas familias.
  6. Botamos una cantidade enorme de tempo, incluíndo tardes, noites, fins de semana e incluso vacacións para adaptar e crear contidos curriculares para esta situación, que require un enorme esforzo en pouco tempo.
  7. Responder de forma individual por email as dubidas que fai o alumnado crea una concentración e mestura na bandexa de entrada que custa moito tempo xestionar. Lembrar que hai profesorado con mais de cen alumnas e alumnos.
  8. Traballamos na nosa casa onde está a nosa familia, é dicir, crianzas, persoas maiores, persoas con dependencia, que están a soportar un estres pola situación de confinamento, e precisan mais atención e tempo de dedicación. As interrupción no noso traballo son constantes.
  9. As nosas fillas e fillos están a recibir clases, polo que tamén precisan ordenador e espazos, que temos que compartir con eles, ademais das permanentes preguntas.

Porén, con estas ferramentas ofrecemos o mellor servizo educativo que podemos e así o seguiremos facendo nos próximos meses. Mais, insistimos, sen deixar ningún alumno/a atrás. Sobre todo aqueles que, aínda que as súas circunstancias familiares lles sexan adversas, o seu interese no estudo mereza do noso esforzo colectivo.

Queremos pedir ás administración, que poñan todo o seu empeño e esforzo e localizar e darlle todas as facilidades ás familias cuxas crianzas non están a recibir clases online.

Non hai ensino mais elitista que o ensino online. Aquelas familias cun estatus social alto (as mais delas no ensino privado) teñen un acceso e un apoio familiar óptimo. Mais a maioría social, que vive en pequenas vivendas, con pouco ou nulo apoio dun adulto, non teñen as mesmas condicións. En moitos casos as familias están mais preocupadas polo risco de perder o emprego, no caso de que o tiveran, que da escolarización das crianzas.

Tamén queremos deixar constancia de que non sería necesario nin oportuno avaliar na terceira avaliación. É imposible e completamente inxusto avaliar e cualificar a unha clase na que o alumnado non ten as mesmas oportunidades de aprendizaxe.

As materias instrumentais, e aquelas nas que a práctica e a manipulación son imprescindibles, é imposible ofrecer uns contidos cun mínimo de calidade (Música, Tecnoloxía, Robótica, Educación Física, Fisica, Química…) e non digamos nos Ciclos Formativos de na FPBásica.

Por último, na nosa opinión, non vemos ningún inconveniente en que promocionen de curso todo o alumnado que non se atope no último curso do ciclo correspondente. Se é o caso, é dicir se o alumno ou alumna se atopa no curso de final de etapa, debería estudarse polo miúdo e unicamente en casos moi escepcionais se aplicarían as medidas oportunas.

Xosé Manuel Atanes Limia.

Profesor de Tecnoloxía no IES Ricardo Mella de Vigo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *