Dende a Comisión de convivencia de FOANPAS estamos tentando crear un foro de debate onde as comunidades educativas, todas as persoas implicadas nelas, todas as axentes das comunidades educativas participen e teñan voz.
O que che queremos pedir, como axente social participante da túa comunidade educativa en particular e, en xeral, de esta que creamos entre todas, era un texto, un audio, un vídeo, o que ti consideres, de xeito anónimo ou nominal, como te faga sentir mellor, na que deras o teu punto de vista, coas túas propias particularidades e coñecementos da situación que está a vivir a túa comunidade educativa (ou ti mesma) e a túa visión xenérica do que é e o que debería ser este período de confinamento en referencia ao ensino.
No tempo que non temos máis textos para traballar, no momento que se fagan públicos máis, farémoschos chegar. Traballaremos partindo das consideracións do texto do Consello Escolar do Estado, mais despois poderían ser ampliadas a outros documentos que se publiquen.
A idea fundamental é que as persoas, traballadoras sociais, orientadoras, psicólogas, sociólogas, pedagogas, filósofas, profesorado de cada unha das etapas educativas, coas súas propias particularidades, axentes relacionadas coa diversidade e a inclusión social, familias diversas, ANPAS, AFAS, tecido asociaciativo do país … e todas aquelas persoas que, dalgún xeito están relacionadas coa educación e co futuro da mesma, entren neste debate tan importante como é o ensino e as realidades da vida, o ensino e a universalidade do mesmo, o ensino e as garantías de igualdade e equidade do alumnado, o ensino e o seu enfoque nestes momentos e para o futuro.
Temos xa varios textos como apertura de debate, pregamos que te animes a compartir con nós esas visións tan necesarias nestes tempos.