As propostas efectuadas polo Consello Escolar do Estado, a 7 de abril, relacionadas coa situación excepcional que estamos a vivir, semellan, nunha primeira lectura, acoller e entender a diversidade e diferenzas sociais e de accesibilidade tecnolóxica que existen na poboación. No texto presentado aparecen referencias ás diferenzas socioeducativas, e son presentadas distintas modulacións a respecto das avaliacións. Porén, nunha lectura máis demorada, estas alusións do Consello parecen non ter outra función que a dunha constancia que logo non opera de forma conclusiva. Incorpórase no texto mais non naquilo que se recomenda.
Alén diso, nas propostas do Consello hai unha indicación primeira á potenciación da “participación inescusable” das familias que pode ser comprendida nun contexto de toma de decisións novo e de urxencia, pero que incorpora uns valores marcadamente familistas ao tempo que descoñece factos asumidos por toda a comunidade científica social, e, mesmo, polo sentido común que vai agromando no escenario presente.
O obvio debe ser lembrado: a educación é un dereito e unha obriga de 3 a 16 anos. Como dereito forma parte dunha longa, e aínda non terminada, vindicación humanista e de tentativa de nivelación das desigualdades sociais. A mobilidade social ascendente, na exigua porcentaxe que existe nas nosas sociedades, débese principalmente a este dereito. Por outro lado, o carácter obrigatorio da educación leva consigo uns complexos mecanismos de implementación que son os que a garanten. Os recursos e dotacións físicas, os espazos, e o compoñente humano profesional, o profesorado, forman parte destes mecanismos. O dereito e obriga á educación é realizábel debido a que, ao longo das décadas, fóronse acumulando unha serie de espazos (escolas, institutos) e corpos profesionais (profesorado, persoal orientador e de apoio) especializados e capacitados. A educación obrigatoria non se imparte en lugares específicos con persoal cualificado por casualidade: o lugar da aprendizaxe regrada non está no fogar (sexa cal for) porque o entendemento, xa de séculos, é que o lar non é un elemento igualador nin necesariamente cívico ou adecuado.
Por outro lado, nas propostas do Consello Escolar do Estado faise referencia á teledocencia ou, no caso de que esta non sexa posíbel, á atención individualizada por parte do profesorado. Acontece que, se ben o dereito á educación está esencialmente sustentado en recursos públicos dispoñíbeis, os dereitos de cuarta xeración (entre eles os dereitos ás “novas” tecnoloxías) non están desenvolvidos non sendo na oferta que o mercado ofrece a quen pode fornecerse dela. O dereito e obriga á educación non pode apoiarse, por tanto, nun recurso ofrecido só polo mercado. Se o acceso e estancia nos lugares de ensino están prohibidos, a obriga de seguir e someterse a unha avaliación debe cesar.
O Consello Escolar do Estado entende que, mediante o acompañamento a distancia do profesorado, este inconveniente fica parcialmente resolvido. Elementos como indicador AROPE 2019 mostran, en tanto, como esta fórmula representa un desideratum. Que unha de cada tres crianzas se encontren en situación de pobreza infantil non ten que ver só, que tamén, coa incapacidade de acceso a un ordenador e a internet. Dado que existe correlación entre capital económico con recursos habitacionais e capital cultural, un seguimento a distancia do profesorado non está claro que represente un avance nas capacidades e coñecementos da nena ou neno. Nestes casos, parece que estamos máis ante unha difusión de factores estresantes do que dunha función escolar. A translación de obrigas académicas, polas que vai ser avaliado o alumnado, vai non para esta ou este,
senón cara ás persoas ou institucións que exercen a patria potestada. E a experiencia acumulada, e o propio sentido do ensino obrigatorio, é que estas e estes non son as axentes de educación regrada capacitadas. Poderá alegarse que estamos perante una situación de excepción, que o Consello Escolar do Estado propón medidas temporais: certamente. É por iso que debe ser indicado que a excepcionalidade non está exenta de nesgo. Sendo a situación extraordinaria, nada impediría que fose accionada outra solución extraordinaria e menos lesiva para as crianzas no seu conxunto. Se o sistema educativo non pode accionarse de forma normal, as avaliacións que leva consigo deben cancelarse desde o período no que se detivo a asistencialidade. Se o colectivo está detido e retraído, cómpre non deixar a cada persoa confinada á súa sorte individual.