Skip to content

Necesidades especiais, medidas excepcionais.

Despois de mais dun mes seguido en confinamento nunha casa cunha menor que estuda nun centro de necesidades especiais, quero facer as seguintes reflexións que espero sirvan para polo menos espertar algunha conciencia respecto a necesidade de actuar. Estamos ante un novo modelo social, ante unha marusía que nos vai deixar bastantes resacas neste mar que navegamos xuntos, un mesmo mar para persoas diferentes, unha mesma lexislación para persoas e familias que parten non só de diferentes posibilidades, senón que parten en desvantaxe clara.

É certo que cando se comezou este confinamento todos tiñamos que aprender en tempo récord a adaptarnos a esta  nova situación, familias e mestras e mestres dos centros que en moitos casos con vontade e escasos medios físicos e plataformas instauraban ese traballo telemático “a pan de Millo” como se di na miña zona. Pois ben con diferentes resultados e moita imaxinación seguimos adiante e de cara a este novo trimestre parece que continúan os traballos colectivos de confinamento e traballo personalizado que dependendo da realidade de cada casa pódese levar a cabo con maior ou menor fortuna, pero claro coma sempre os máis desfavorecidos son os de sempre, as rapazas e rapaces dos centros de necesidades especiais.

Esta claro que cada familia é un mundo, e que non todas as persoas están capacitadas para educar academicamente aos seus fillos, pero enfrontar este traballo tendo que superar a barreira das propias limitación dos alumnos con necesidades especiais é un lastre emocional que está frustrando a moitas familias. Como traballar con eles para que se concentren, para facerlle entender as prioridades, a realidade é que resulta unha loita continua até o simple feito de sentarse nunha mesa a recortar un folio ou a xogar con calquera material que se nos aportou durante este tempo.

Neste confinamento a única medida especial que se levou a cabo para facer mais levadeira a carga é que as persoas dependentes con necesidades especias e que poidan identificalo previo informe dun especialista, poidan saír a rúa en zonas próximas  aos seus domicilios buscando un intre de esparcemento. Pois non pode ser iso tan só, as necesidades destas persoas son moito maiores, necesitan relacionarse, necesitan persoas formadas para que atendan as súas necesidades, que entendemos ESPECIAIS, polo tanto non podemos depender das directrices NORMAIS que se están trasladando aos centros formativos.

Hoxe hai moitísimas persoas que están traballando na sanidade, atendendo a persoas dependentes, limpando espazos públicos para salvarnos da contaminación, defendendo a nosa seguiridade, pois ben, eu entendo que o estado debera traballar para atender as nosas crianzas con necesidades especiais que están nas casas perdendo a pasos axigantados o gran traballo que formadoras e formadores fan con eles durante todo o ano.  Non digo que teñen que abrir os centros de inmediato, pero ante este panorama que se prevé vai ser longo e con case toda seguridade os centros de ensino non van volver abrir, os políticos deberan dende xa pensar como van paliar no medio prazo as necesidades destas mozas e mozos que teñen que entender sen poder facelo o mesmo que o resto da sociedade.

As familias están soportando unha presión moito maior que o resto das familias, os confinamentos en moitos casos están sendo moito máis duros, polas características destes rapaces e rapazas. Se entendemos que a sociedade debe coidar con especial atención a este sector da sociedade, atendelos debidamente e dotar de medidas especiais a estes alumnos para que poidan ter as mesma posibilidade e polo tanto ter os mesmos dereitos, debemos instar as institucións a que actúen construtivamente para o seu beneficio.

Polo tanto penso que as diferentes autoridades deberan comezar a imaxinar o plan de traballo para con estas persoas, sempre as máis esquecidas, as que preocupan para as estatísticas pero preocupan menos cando hai que dar solucións diferenciadas e que polo tanto precisan de mais traballo e de mais financiación para solucionar as súas necesidades.

En nada chegan as vacación de verán e volverán a ser as familias as que teñen que soportar o peso e carga emocional que supón ter que traballar diariamente con elas e eles, sen descanso tendo moitas veces que deixar de traballar no seu eido profesional para poder encargarse deles ou aínda peor, deixar de ter tempo para desfrutar con eles e que ese intre se converta nunha tortura para os rapaces e as familias.  Necesitamos medidas especiais para persoas excepcionais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *