PROFESOR
Eu son profesor. O alumnado que aparece nas miñas listas, maiores de idade na súa totalidade, é moi diverso, con situacións moi diferentes. Hainos que abandonaron despois do primeiro trimestre, algúns moi motivados, outros non tanto; hainos que ían a clase todos os días, e os que ían cando podían; hainos que traballaban ao mesmo tempo, e os que estaban no paro, e algúns que de cando en vez os chamaban para incorporarse; hainos que se esforzaban moito, ou os que non o precisaban; hainos con competencias dixitais asombrosas, e hainos con carencias importantes; algúns con medios informáticos suficientes, e outros que só contaban cos medidos do instituto. Cada alumno/a pode encaixar en varias destas categorías, facendo a cada persoa única na aula.
É por iso que, aínda que se trata de clases presenciais, utilicei dende o principio a aula virtual, onde teñen acceso a todos os contidos explicados en clase e é onde entregan as tarefas e os resultados das prácticas. A esta aula virtual teñen acceso dende a aula do instituto e tamén dende a súa casa ou os seus dispositivos móbiles. Ademais usamos grupos de telegram para a comunicación entre o alumnado e eu mesmo para temas moi puntuais (que agora serve para manter o contacto).
No momento do confinamento a situación mudou en todos os casos. Persoas que traballan máis porque agora son menos (por causa do ERTE), persoas que se quedaron sen traballo. Uns que usan as tarefas de clase para evadirse, outros que non son capaces de concentrarse. Xente que non se conecta, por falta de medios, ou por situacións familiares complicadas, ou porque están inmersos no último xogo da play. Tamén hai quen acaba de ter un fillo. Ou traballa nun laboratorio no ámbito sanitario. Ou casos dos que non me foi posible saber nada.
O seguimento das tarefas, que xa estaban propostas e explicadas en clase, complicouse moito, aínda dedicándolle moitas máis horas, con problemas de toda índole: conexión, comunicación, concentración, nerviosismo, preocupación, traballo, atención familiar, absentismo, desesperación, ansiedade…
A pesares de xa ter o hábito de usar as ferramentas web, non é posible un seguimento normal das clases, non se pode asegurar a equidade, e de seguir co proceso educativo afondaríase moito máis na desigualdade entre as distintas situacións familiares.
ALUMNO
Eu tamén son alumno. Nos últimos tempos recibín formación tanto presencial como a distancia. Nos dous casos require esforzo pola miña banda, pero no caso de formación a distancia é máis esixente, precisa dun maior compromiso e forza de vontade, e o esforzo é maior. Hai cursos ben pensados nos tempos e tarefas solicitadas, e outros que non funcionan ben. Porque a formación en rede non é só aportar documentos de contidos e solicitar tarefas, hai que encaixar ben o tempo, seleccionar moi ben a secuencia de contidos e tarefas, solapar adecuadamente as distintas tarefas, que teñen que ser moi dirixidas a resultados concretos. Ademais ten que haber unha boa canle de comunicación para a resolución de dúbidas tanto do contido do curso como do funcionamento da plataforma usada, respostando as cuestións de maneira concisa e concreta.
A motivación do alumnado ten que ser superior que na formación presencial, e aínda así
non chega para afrontar as dificultades do proceso educativo/formativo.
PAI
E eu son pai. Pai dunha nena de 2º de primaria. E a súa nai é mestra. E aínda así atopámonos con dificultades para establecer un ambiente escolar. O rol de pai e profesor non son separables ao cen por cen. E despois están as explicacións: A forma de realizar as operacións matemáticas, a expresión oral e escrita en inglés, o nivel de profundidade nas respostas de calquera materia…
A dificultade para as familias increméntase porque agora ademais os contidos chegan por canles ata agora descoñecidos (múltiples plataformas que escolle cada profesor/a), aos que hai que sumar as situacións familiares e laborais, o estado de ánimo de todas as persoas, e os medios cos que non contan.
Se agora extrapolamos a situación dos meus alumnos, que serán moi parecidas ás familias dos rapaces e rapazas, coas situacións laborais, persoais e familiares e moi peores condicións, os medios dos que dispoñen: non haberá sempre un ordenador para cada membro, ademais de que se esta a usar para teletraballar, conexión a internet, tarifas de datos móbiles que non chegan, espazos adecuados para o traballo/estudo; o estado de ánimo de todos os membros da familia rodeados de noticias dun virus que non se ve, o traballo que periga ou que xa se perdeu, a visión dunha crise económica, os espazos nos que viven, onde hai situacións realmente complicadas… Con todo isto non é posible continuar o curso sen que se produza unha grave discriminación contra unha grande parte da poboación para a que a educación pública é a porta para a equidade social.
Deberiamos estar traballando xa para o vindeiro curso. Estudando que contidos deixaron de impartirse, ver cales son os imprescindibles para non prexudicar a continuación do proceso educativo/formativo, tentar levantar unha situación anímica de toda a comunidade educativa, pensar na forma de como ordenar os medios, os espazos, etc. Deberiamos pensar en como usar as ferramentas para impartir aulas a distancia e que medios teriamos que ter nós e o alumnado e estudar a forma de como artellar todo. Deberiamos usar a empatía como inicio e base do proceso educativo. Sempre, pero agora máis.
A idea de abrir os colexios no verán ten que partir por forza do descoñecemento por un lado das instalacións pero sobre todo da gran barbaridade que sería encerrar aos rapaces e rapazas xusto despois da tremenda presión do confinamento, tanto física, mental como animicamente.
TECNOLOXÍA
Unha pequena reflexión sobre o uso da tecnoloxía. Só un pouco de tempo antes do confinamento houbo un gran debate sobre o uso dos teléfonos móbiles nos institutos, onde existen problemas derivados do seu uso. Isto pode extrapolarse a aulas con ordenadores conectados a internet onde hai que desconectar a rede para que o alumnado non se distraia e se centre nas tarefas que ten que realizar. E agora preténdese que usen todos os dispositivos electrónicos sen ningún tipo de limitación no tempo, no espazo e na interconexión. Non estamos preparados, nin profesorado, nin alumnado, nin familias para as clases “on-line”. Nin antes, nin agora.