O estado de alarma decretado polo coronavirus ten cambiado por completo a nosa vida cotiá. Non saír da casa non é fácil, sobre todo para os/as máis cativos/as.
¿Por que o confinamento pode afectar ás crianzas?
No caso dos/as nenos/as os efectos negativos do confinamento poden ser maiores porque eles/as se atopan nun proceso de desenvolvemento e dependen en maior grao do entorno para regular as súas emocións e condutas. Os hábitos e rutinas, a actividade motriz, as situacións de estabilidade e certeza e a interacción cos seus iguais axúdanlle a regular as súas emocións.
¿Que dificultades poden aparecer?
Neste contexto de confinamento poden aparecer con maior facilidade queixas de aburrimento, aumento de episodios de enfado, maior tendencia ó pranto, conduta hipermotriz, dificultade para seguir indicacións, aumento de medos ou dificultades na alimentación ou o sono.
¿Como previr e actuar ante estas dificultades?
Vexamos algunhas chaves que debemos ter en conta:
Manter a calma e evitar o catastrofismo. Debemos ofrecerlles mensaxes de confianza, explicándolles que non só nos protexemos a nós mesmos/as, senón tamén ós/ás demais, e lembrarlles que é unha situación temporal, que acabará nalgún momento.
Ter paciencia e mostrarlles apoio e cariño incondicionais. Animalos/as tamén a que mostren os seus sentimentos e medos e ofrecerlles información adaptada á súa idade, pero limitando a exposición a novas.
Establecer un horario e rutinas diarias “similar de forma parcial” ó do colexio, tratando de ser creativos e mantendo o bo humor. Tamén podemos deixarlles a eles/as que propoñan actividades.
Pode ser útil realizar un horario visual onde aparezan as actividades que realizarán ó longo do día. Isto pode motivalos/as, implicar e, ó poder consultalo, elimina a necesidade de que esteamos todo o día indicando e insistindo que é o que toca facer. Un exemplo de horario sería o seguinte:
Ter en conta que debe realizar actividade física xa que reduce a ansiedade, mellora o humor e o sono e diminúe o risco de sobrepeso. Podemos nós participar con eles/as e facela en familia.
Manter a estabilidade nos hábitos básicos de alimentación saudable e horas de sono.
Limitar as actividades de entretemento pasivo e uso de pantallas (TV, internet, videoxogos, móbiles) e, na medida do posible, desfrutalas xuntos nos momentos de tempo libre compartido.
Manter o contacto con outros familiares e coas amizades. Podémolo facer a través de chamadas ou videoconferencias, e – mails ou debuxos e manualidades dedicadas a eles/as. Isto permitiranos mitigar a situación de illamento social.
Noutros momentos non podiamos realizar actividades cos/as nosos/as fillos/as por falta de tempo. Agora este tempo existe e debemos aproveitalo ó máximo.
Equipa FOANPAS
(Texto de Mónica Calvo Serrano (psicóloga), traducido o galego por María Jesús Granja (pedagoga de Foanpas) e maquetado por Oscar Souto (Secretario de Foanpas e especialista en TIC)