FOANPAS e FANPA veñen de publicar unha carta conxunta onde explican a súa postura sobre o protocolo de adaptación nos centros de ensino non universitario ao escenario da COVID-19 da Conselleria de Educación da XdG.
FOANPAS amosa a sua negativa de xestionar desta maneira as aulas matinais, comedor escolar e extraescolares, namentras a Conselleria de Educación non negocie coas Federacións de Anpas e aporte recursos para levalas adiante. A decisión final de FOANPAS a tomará a soberana Asamblea de FOANPAS.
As organizacións asinantes deste comunicado, a Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Vigo e Comarca, FOANPAS e a Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Centros Públicos da Provincia de Pontevedra, FANPA PONTEVEDRA, unha vez coñecida a proposta de Protocolo de adaptación ao contexto da COVID 19 nos centros de ensino non universitarios de Galicia para o curso 2020-21, queremos manifestar que as condicións sinaladas no citado protocolo respecto ao desenvolvemento dos comedores escolares e, por extensión, as aulas de madrugadores e actividades extraescolares, son completamente inasumibles por as asociacións sen ánimo de lucro que as organizamos e xestionamos polas seguintes razóns.
En primeiro lugar pola redución de prazas que comporta, de tal magnitude, que afecta gravemente á universalidade do servizo. A razón de ser dos comedores e as aulas de madrugadores e actividades extraescolares é facilitar a conciliación familiar e laboral, un problema xeralizado en prácticamente a totalidade da comunidade educativa. Ao mesmo tempo, unha redución de usuarios tan importante supón un incremento significativo do custo, consecuencia do reparto do coste de explotación entre menos comensais, agravado polas medidas de protección necesarias para asegurar a salubridade do servicio. A magnitude deste incremento faino inasumible pola maioría dos usuarios que quedaran despois da redución de aforo disposto polo Protocolo.
As organizacións que xestionamos as actividades de comedor, aulas de madrugadores e actividades extraescolares estamos dispostos a continuar coa xestión dos servizos sempre que se garantan as condicións de seguridade sanitaria, atención á totalidade dos usuarios, custo económico asumible polas familias, e non agravar a xa limitada capacidade de xestión das nosas organizacións. As condicións que necesitamos para poder desenvolver comedores e aulas de madrugadores son as seguintes:
- A atención á totalidade dos usuarios mantendo as condicións sinaladas no Protocolo COVID19 da Consellería de Sanidade implica a utilización de máis espazos adicados a comedor e aulas de madrugadores, ben sexa de xeito provisional ou permanente, ou ben un aumento no nº de horas do servizo, por exemplo dende ás 13:00 en vez das 14:00 que é a hora que comezaba ata de agora o servizo, podería ser unha solución para aqueles comedores xa saturados con varias quendas e que teñen un nº de alumnos de infantil elevado, que poderían comer nesa quenda das 13:00 horas en coordinación co equipo directivo e o equipo COVID19, pero iso conleva un aumento significativo de monitores e coidadores ademais da desinfección pertinente do espazo de comedor, incluidos os recursos para á atención á diversidade (NEAE). Polo tanto, necesitamos normas e instrucións claras que permitan dispoñer dos espazos e as horas necesarios para manter a separación interpersoal conxuntamente co illamento por aula.
- Os custos económicos derivados do incremento de persoal necesario para atender máis espazos ou mais horas e menos alumnos por espazo, así como os derivados dos custos materiais necesarios para garantir a salubridade dos servizos (limpeza, material sanitario, procesamentos culinarios, hidroxeles, etc) teñen que ser asumidos
de xeito extraordinario pola Consellería de Educación mentres a aplicación do Protocolo esté en vigor.
- Compromiso de colaboración por parte da Consellería de Educación para asumir cantas actuacións sexan necesarias segundo a evolución da situación derivada da COVID 19 para cumplir as dúas condicións previas, manter o custo actual dos servizos para as familias e atender á totalidade da comunidade educativa. E ao mesmo xeito, facilitar a xestión por parte das organizacións tendo en conta o carácter voluntario e non retribuido dos seus responsables.
En definitiva, desenvolver o sinalado no Decreto 132/2013, de 1 de agosto, polo que se regulan os comedores escolares dos centros públicos non universitarios dependentes da consellería con competencias en materia de educación, cando sinala que “a consellería, consciente dos cambios socioeconómicos operados na sociedade galega que demanda medidas concretas en materia de conciliación da vida familiar e laboral, pretende poñer en marcha un plan en materia de comedores que consiga os seguintes obxectivos: -implicar
na xestión do servizo, mediante fórmulas de cooperación e colaboración previstas no marco xurídico actual, á totalidade das administracións públicas con competencias concurrentes neste terreo, aos colectivos e asociacións afectadas e, en definitiva, ás propias familias”.
Polo tanto, emprazamos á Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional a dialogar con urxencia coas organizacións representantes das familias (sobor de todo aquelas que xestionan mais de 3500 usuarios na provincia de Pontevedra), co obxecto de materializar e aplicar as medidas sinaladas anteriormente, que permitan manter o noso compromiso de xestión e organización dos comedores escolares, as aulas de madrugadores e actividades extraescolares.
No caso de non ter resposta e manterse as condicións establecidas no Protocolo proposto, o compromiso de xestión por parte das nosas organizacións considerarase inasumible para o vindeiro curso escolar 2020-21 e procederemos a suspender os servizos. Do mesmo xeito, ambas organizacións comprometémonos a tomar todas as medidas administrativas e xudiciais en defensa das familias e os seus dereitos á educación, saúde, traballo, e conciliación, reclamando diante das instancias correspondentes as responsabilidades persoais e materiais que fosen esixibles.