https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220321/AnuncioG0599-100322-0001_gl.html
Prazo
Prazo de presentación:
22/03/2022 – 21/04/2022
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.
https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=SI449B
Documentación para a presentación
Solicitudes .
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. As solicitudes de axuda dirixiranse, xunto coa documentación necesaria, á Xefatura Territorial da Consellería de Emprego e Igualdade competente en función da provincia na cal a asociación teña establecida a súa sede social.
Documentación complementaria .
1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Anexo II: certificación expedida pola secretaría da entidade en que se faga constar, entre outros, o acordo de solicitar a subvención ao abeiro desta resolución. Así mesmo, conterá o seguinte:
– No caso de asociacións de nais e pais, deberá facerse constar o número de familias asociadas, con indicación da porcentaxe que representan respecto do total de familias do centro educativo ao que representan, no curso 2021-2022.
– No caso de federacións e/ou confederacións de asociacións de nais e pais, deberá facerse constar a relación nominal de asociacións que as compoñen, no curso 2021-2022.
b) Anexo III: orzamento desagregado dos gastos subvencionables e memoria descritiva das actuacións e actividades singularizadas en materia de promoción da igualdade e de prevención de violencia de xénero para as cales se solicita axuda. A memoria descritiva fará referencia aos seguintes aspectos:
• Descrición da/das actividade/s propostas: contido, metodoloxía, medios materiais e persoais previstos, profesorado e/ou implicación do equipo directivo do centro educativo, implicación e/ou participación doutras entidades (locais, ONG, centros de saúde, etc.) na actividade e persoa ou persoas responsables da súa execución.
• Lugar e data prevista de realización.
• Número estimado de persoas participantes desagregado por sexo.
c) Estatutos vixentes da entidade e acreditación de estar inscrita a entidade no rexistro de asociacións da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.
d) Calquera outra documentación que a entidade solicitante entenda que é pertinente para unha mellor valoración da solicitude ou para maior detalle na descrición da actuación subvencionable coa presentación dunha memoria complementaria para os efectos de ampliar a información requirida no anexo III e cuxa extensión non poderá exceder os cinco folios.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poderá consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes .
Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos .
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa que actúa en representación da entidade solicitante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
e) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
g) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Tributaria de Galicia.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.