Skip to content

Concentración en Navia (Vigo) contra a apertura dunha casa de apostas en zona infantil.

A Asociación Veciñal Novo Vigo convoca unha concentración mañá día 30 ás 20:00h fronte á sala de apostas (As Teixugueiras, 18/20). Máis de 25 organizacións sociais, ANPAS, AA.VV, FOANPAS e sindicatos apoian á mobilización. Reclaman máis control sobre a publicidade e unha normativa de horarios máis restritiva, entre outras medidas de control.

Tal como anunciaran en rolda de prensa o pasado día 17, a Asociación Veciñal Novo Vigo e  outras vinte e cinco organizacións dos ámbitos social, educativo e sindical celebrarán mañá día  30 ás 20:00h unha concentración contra a apertura dunha casa de apostas no barrio. Esta  acción enmárcase na campaña de mobilizacións que o colectivo veciñal puxo en marcha, logo  de coñecerse que a apertura da casa de apostas era inminente, e que continuará nas vindeiras  semanas con novas accións informativas e de concienciación.

A asociación veciñal observa con preocupación como este tipo de negocios estanse a abrir masivamente na cidade. Este fenómeno vénse repetindo dende hai xa varios anos por toda a  xeografía española, e xa amosou os seus devastadores efectos no pasado, noutros lugares coma o Reino Unido.

Segundo a portavoz da Asociación Novo Vigo, María Pillado Fernández, “a ubicación desta casa de apostas é especialmente problemática ao estar situada entre dous parques infantís, fronte ó INEM e a asociación COGAMI, e próxima á ESADdeG ou á Sala de Lectura que abrirá en breve, nun barrio coma o noso onde a poboación é nova e case un terzo da mesma é menor de idade”.

Segundo os datos demográficos da área de estatística do Concello de Vigo, só Nas Teixugueiras (Navia), habitan na actualidade preto de 9500 persoas. Desa cifra, case 3300 persoas atópanse  nas franxas de idade inferiores a 21 anos.

É ese grupo poboacional o que máis preocupa aos impulsores/as da mobilización, ao entender que nun barrio cunha taxa tan elevada de poboación infantil e xuvenil a presenza deste tipo de negocio é unha bomba de reloxería que pode prexudicar gravemente o desenvolvemento psico-social das persoas menores, xerando problemas de adicción e outros derivados da  mesma (furtos, roubos, etc).

Dende a Asociación Galega de Xogadores de Azar (AGAJA), advirten que nos últimos anos medrou enormemente o número de persoas menores atendidas por problemas co xogo. En  cifras, sinalan que das oitenta consultas mensuais que reciben, unha media de 20  correspóndense a menores de idade. A asociación apunta tamén que a idade media da persoa  afectada de ludopatía viuse reducida dos corenta aos vinte cinco anos.

Os colectivos convocantes reclaman medidas para un maior control de actividades  relacionadas co xogo:

  • Prohibición a nivel estatal, da publicidade do xogo a través de calquera soporte, incluídos os patrocinios. Prohibir as máquinas de xogo en establecementos hostaleiros ou procurar sistemas de control de acceso ós mesmos por parte dos menores.
  • Prohibición de bonos gratuítos para as primeiras apostas.
  • Decreto Autonómico para paralizar a apertura de novas casas de apostas,mentres non se aproba unha Lei do Xogomoito máis restritiva que a actual, limitando zonas de apertura.
  • Que o Concello de Vigo tome todas as medidas necesarias para facer cumprir a Lei, así como o que estea da súa man en materia de control de acceso ou horarios de apertura  coa vixilancia que sexa necesaria para protexer a nosa mocidade.

Por todo isto, a Asociación Veciñal Novo Vigo e o resto de colectivos convocantes fan un chamamento á cidadanía para que se sume á mobilización mañá día 30 de abril. Do mesmo xeito, os convocantes sinalan que continuarán con novas accións reivindicativas “ata que as  institucións tomen cartas no asunto” e se poñan limitacións a esta “lacra” que “golpea aos  barrios máis desfavorecidos”.

#NonCasasDeApostas

Máis información:

A.VV. Novo Vigo – Tlf. 688 936 213

María Pillado Fernández – Tlf. 648 269 359

Juan Lamas (AGAJA) – Tlf. 667 648 229