Nos últimos anos, dende FOANPAS levantamos a voz para poñer de manifesto a inquedanza que nos producía e nos produce o estado da saúde mental das nosas crianzas. Para nós nunca foi un tema tabú e temos claro que o que non se nomea, non existe e se non existe non se atalla, nin se inviste, nin se coida, nin se mellora.
O pasado mes de marzo, a Fundación SALMA (Fundación para o Coidado da Saúde Mental en Galicia) presentou no Parlamento Galego, co aval de máis de 17.000 sinaturas, unha Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) a prol da aprobación dunha Lei Galega de Saúde Mental.
A saúde mental “non é un privilexio, ten que estar preto das persoas e debe coidarse dende a infancia”. Estas son algunhas das claves que fundamentan a proposta que foi rexeitada polo goberno galego e que enlazan directamente coa convocatoria que nos reúne esta mañá. Porque a meirande parte dos trastornos mentais aparecen antes dos 18 anos e moitos deles mesmo moito antes dos 15.
O rexeitamento non nos para e agora traballamos en conxunto con diferentes entidades no acordo pola mellora da Saúde Mental Infanto- Xuvenil de Galicia que ten como meta ofrecer propostas para a mellora dos servizos socio-sanitarios e educativos que participan no coidado da saúde mental dende un a visión integral da mesma. A súa vocación e a de promover un gran consenso entre a sociedade civil e a gobernanza en todas as súas escalas, especialmente entre os axentes dos eidos sanitario, educativo, social e familiar que estean implicados directamente no traballo diario coa infancia e coa mocidade.
Non debemos, non podemos esquecer que “non hai saúde sen saúde mental”.