Skip to content

Escrito denuncia becas NEAE.

FOANPAS ven de convocar unha rolda de presa para dar coñecemento público ao escrito denuncia das becas NEAE. o día 9 de abril do 2019 no IME presentouse o documento, reivindicando mais transparencia e menos impedimentos das Administracions públicas na concesión das becas NEAE do MEC.

Podes descargar o documento ao final deste artigo.

ESCRITO DENUNCIA BECAS NEAE

Segundo a lexislación actual (Lei Orgánica 2/2006 de 3 de maio, de Educación e, Lei Orgánica 8/2013, de 9 de decembro, para a Mellora da Calidade Educativa), considérase “alumnado con Necesidade Específica de Apoio Educativo (NEAE) aquel que precisa unha atención educativa diferente á ordinaria por presentar necesidades educativas especiais, por dificultades específicas de aprendizaxe, por TDAH, por especiais condicións persoais ou de historia escolar, por incorporación tardía ao sistema educativo ou por altas capacidades intelectuais e que poidan requirir determinados apoios en parte ou ao longo da súa escolarización para que poida acadar o máximo desenvolvemento posible das súas capacidades persoais e, en todo caso, os obxectivos establecidos con carácter xeral para todo o alumnado”.
O Ministerio de Educación e Formación Profesional convoca todos os anos axudas económicas que poden solicitar os/as alumnos/as que presenten necesidades específicas de apoio educativo derivada de discapacidade ou trastornos graves de conducta que estean cursando en centro específico, en unidade de educación especial de centro ordinario ou en centro ordinario que escolarice alumnos que presenten necesidades educativas especiais nalgún dos niveis educativos non universitarios.
Nos últimos cursos, esta convocatoria foi mudando e introducíronse cambios que foron restritivos e excluíntes. Así, reducíronse estas axudas exclusivamente para o alumnado con necesidade específica de apoio educativo derivada de discapacidade, de trastorno grave de conduta e altas capacidades. Estes supostos deben estar certificados por un equipo de valoración e orientación dun centro base do Instituto de Maiores e de Servizos Sociais ou órgano correspondente da comunidade autónoma ou, un certificado dun equipo de orientación educativa e psicopedagóxica ou, un certificado de discapacidade.
Segundo isto, quedaría excluído un 80% do alumnado, é dicir, todos/as os/as nenos/as detectados/as pero pendentes da valoración da discapacidade (recoñecemento que conleva un proceso longo), aqueles/as nenos/as detectados/as con déficit pero sen diagnóstico claro, aqueles/as que presentan dificultades específicas de aprendizaxe, dislexia, TEA ou alumnos/as que por condicións persoais ou de historia escolar presentan dificultades para acadar o máximo desenvolvemento posible das súas capacidades persoais.

Ademais, por que unhas crianzas nunhas circunstancias reciben a axuda e outras nas mesmas circunstancias non? Quen decide isto? Quen determina que unhas solicitudes cheguen a fin e outras nin sequera se presenten (querendo facelo as familias)? Quen está a crear un sistema desigual á hora de solicitar as becas?
Outro aspecto excluínte é o nivel de renda das familias, xa que este criterio supón que moitas familias, por supoñerlle un nivel adquisitivo alto, queden excluídas destas axudas e non poidan asumir o custe das terapias necesarias para os/as seus/súas fillos/as. Se unha familia solicita esta axuda é para investila no apoio que precisa a crianza, apoio sen o cal non poden desenvolverse persoal, social, emocional, física ou psicoloxicamente. Necesidades que teñen que ser atendidas e ás que, neste intre, a escola non pode facer fronte porque non se dan as condicións idóneas e os recursos suficientes para que a atención que recibe o alumnado sexa a óptima (ratios elevadas, escaseza de profesorado, currículo ríxido, etc.). Por isto, as familias vense na obriga de recorrer a terapias externas. Non é unha opción, é unha necesidade.
Tamén é necesaria maior transparencia na resolución. Non momento que denegan unha axuda non se especifican as razóns para denegala nin a base desa negativa, polo que á hora de facer o recurso á resolución, non se poden utilizar argumentos fortes por non saber exactamente que é o que se está a recorrer.
Con isto, non se está a garantir a igualdade de oportunidades, excluíndo do proceso a decenas de nenos e nenas que precisan a intervención de especialistas. Especialistas que non se atopan nos centros educativos, ben porque non os hai, ben porque os que hai non son suficientes. Se nos centros escolares o alumnado NEAE fose atendido de maneira óptima, xa non precisaría asistir a terapias externas que supoñen un gasto para as familias e tamén para a Administración.
Ademais, é necesario modificar os criterios de acceso. A intervención ten que realizarse o máis pronto posible para aumentar a súa eficacia o que evitaría, en moitos casos, chegar a unha discapacidade. O problema é que para acceder ás axudas é obrigatorio ter este certificado de discapacidade. Atopamos aquí unha incoherencia respaldada polo propio sistema.
Polo exposto, solicitamos:

Modificar os criterios de acceso para que teñan carácter preventivo, o que reducirá os custes tanto para as familias como para a Administración..
Garantir a igualdade de oportunidades cubrindo a totalidade do alumnado NEAE que o precise e o solicite. Para iso, as familias que a soliciten, para obtela presentarían as facturas das terapias recibidas.
Maior transparencia na información dada, especialmente, á hora de denegar unha axuda (explicar por que non se dá e en que está baseada a denegación).
Que se atendan e se presenten todas as solicitudes feitas polas familias, deixando que cheguen a término e non quedando no camiño.

ESCRITO BECAS NEAE EN FORMATO PDF