Skip to content

Participa con FOANPAS.

A Xunta Directiva de FOANPAS e as súas comisións de traballo queremos facer unha reflexión sobre o traballo que se está a facer nesta Federación. Resaltar que FOANPAS somos todas as ANPAS e, á súa vez, nais e pais que formamos o tecido familiar dentro da comunidade educativa da nosa cidade.

Destacar o bo traballo que se está levando a cabo nestes grupos. Sabedes cales? Comisión NEAE, Comisión de comedores, Comisión IES, Comisión EEI, Grupo de Traballo (GT) de zonificación, GT TDAH, GT atención educativa domiciliaria e hospitalaria, GT igualdade, GT altas capacidades, GT lexislativa, GT transporte escolar e Comisión de convivencia, que é a encargada de coordinar a todas as comisións e grupos.

A parte realiza as súas funcións, sendo as máis importante as de mediación en conflitos e programación da formación.
Seguramente vos sentiredes identificados/as con algún destes grupos. Animámosvos a participar activamente a través dos mesmos, aportando a vosa visión, necesidade, propostas, etc.

Outra das responsabilidades da nosa Federación é a interlocución coas administracións (local, provincial, autonómica e nacional).
Como? Consensuando nestes grupos de traballo as vosas reivindicacións en defensa do ensino público e dos dereitos dos nosos fillos e das nosas fillas. Participando, como o levamos facendo dende hai 27 anos, no:

  • Consello Escolar Municipal.
  • Consello Municipal da Muller.
  • Comisión de Escolarización de Inspección Educativa de Vigo.
  • Consello Municipal da Lingua.

Formamos parte da Confederación ANPAS Galegas, da que fomos promotores. Unha persoa desta directiva representa, a través de ANPAS  Galegas, a todas as familias de Galicia no Consello Galego da Convivencia.

Temos xuntanzas cos grupos parlamentarios, a Valedora do Pobo, cos sindicatos, partidos políticos, asociacións e entidades vinculados ao mundo da infancia, da xuventude, etc.

Tamén asinamos un convenio co Concello de Vigo, no que se reflicten partidas económicas para actividades extraescolares, comedores, aulas matinais, autoxestión e formación.

No apartado de formación, cabe subliñar os cursos, xornadas, faladoiros, obradoiros, etc. que durante o curso escolar se ofertan ás ANPAS e ás familias. Estas xornadas sempre están abertas á comunidade educativa.

Son necesarias para formarnos e informarnos de todo aquelo que estamos a defender e sobre todo, o máis importante, ferramentas enfocadas á educación das crianzas.

Considerades que estas son suficientes argumentos para participar activamente na Federación? Agardamos que si. Temos que estar todos e todas, equipo, sumando e camiñando no mesmo sentido, debatendo. Estes debates serven para enriquecer un proxecto común, baseado nos diferentes criterios que cada un/ha de nós temos.