Skip to content

Educación e liberdade? Que liberdade?

A diferenza fundamental entre o liberalismo e o republicanismo ten que ver co xeito en que ambos conciben a idea de liberdade. Para o primeiro, a liberdade é negativa: o individuo é libre na medida en que nada interfire nas súas decisións. Para o segundo, a liberdade é positiva: o individuo é libre na medida en que se dán as circunstancias materiais para que as súas decisión poidan ser tomadas de xeito efectivo. Se non se dán esas condicións materiais, o individuo non é libre.

A primeira concepción da liberdade parte da existencia dun suxeito propietario e autosuficiente no que respecta á súa realización como persoa. A segunda concepción parte de que a riqueza créaa toda a sociedade no seu conxunto e de que o reparto da mesma non constitúe un feito natural, senón que é froito de decisións políticas históricas. Para esta concepción republicana, o potencial de realización das persoas dependerá, en gran medida, da posición socio-económica que a fortuna tivo a ben adxudicar a cada quen.

Se para a visión liberal o desexable é un Estado non intervencionista, para a republicana o desexable é un Estado que redistribúa un poder mal repartido no seo da sociedade civil.

En coherencia coa súa idea de liberdade, o xeito liberal de relacionarse cos dereitos da cidadanía adoita consistir en dar primacía á forma sobre o fondo. Na forma, todo cidadán goza dos mesmos dereitos. No fondo, o goce deses dereitos varían moito duns cidadáns a outros debido á súa diferente posición na escala social. A consideración dos dereitos cidadáns como forma e non como fondo, xera grandes excesos no discurso dos xestores da cousa pública. A verborrea e a propaganda acostuma ser o modo en que a forma tapa as vergoñas do fondo.

Algúns dos tópicos empregados por esta propaganda de cuño liberal, a propósito do tema da educación, son os seguintes:

  1. Falar moito e sen xeito das novas tecnoloxías, do inglés e da economía do coñecemento. Proxecto Abalar, pizarras electrónicas, clases de informática, educación plurilingüe…, non importa o como nin o para que. A concepción que existe do sistema educativo é o dun ámbito separado do resto da vida. Non se problematiza a relación mundo económico / sistema educativo. Unha relación con interferencias directas como poida ser a da conciliación da vida laboral e familiar e doutros aspectos máis crúos, que por veces afloran, tais que as carencias alimenticias en moitas crianzas e o papel da escola coma o asideiro a este respecto. Tampouco parece importar demasiado o feito de que o modelo produtivo español, baseado no ladrillo e o turismo, contradí calquera idea tendente a facer grandes esforzos reais nunha educación de calidade. Datos como que a ratio de investimento en I+D+i galega sexa a menor do Estado e esta, á súa vez, a menor da UE, falan con elocuencia de que, no que ten que ver coa educación, do que se trata é máis de parecer que de ser.
  2. Retórica baleira arredor dos millenials e os nativos dixitais. Instagram, selfies, móbiles, tablets…, son presentados, pola ideoloxía hexemónica, coma o pan noso de cada día das crianzas do século XXI. Créase así un mito naturalizador dos coñecementos dixitais: a rapazada, preténdesenos indicar, sábese mover coas novas tecnoloxías coa naturalidade coa que o peixe respira na auga. Como se esas habilidades, entendidas como algo máis que o alimento alienado da industria do consumo e do Big Data, se adquirisen simplemente a través do ano de nacemento que marca o calendario e non dun acceso racional e pedagóxico ás mesmas.
  3. En relación coa cháchara ambiente que crea a ilusión de familiaridade cas novas tecnoloxías, o presuposto de que todos os fogares dispoñen dos medios económicos e culturais para o salto on-line. Esta realidade, agachada pola retórica propagandística, é a gran vergoña do liberalismo tecnolóxico que a pandemia do Covid19 está a destapar: os fogares están lonxe de dispor de iguais oportunidades no que ao acceso á tecnoloxía se refire.
  4. Obsesión pola cuantificación propia dunha sociedade de contables. Cantidade por riba da calidade. Curriculismo vs. formación. Avaliación do coñecemento en función de contidos estandarizados e criterios abstractos. Un mal extendido tanto nas autoridades educativas coma en moito profesorado e en moitas familias. Fronte esa obsesión pola cantidade, que persiste mesmo no contexto da pandemia que estamos a vivir, por que non aproveitar este fenómeno como materia pedagóxica? Por que non empregalo para reflexionar, no seo da comunidade educativa, sobre a necesidade de pensar a sociedade coma un todo interdependente no que ninguén pode quedar atrás por mor da súa situación socio-económica?
  5. As administracións como magos Houdini: tendencia moi coherente co espírito liberal que comentamos máis arriba, segundo o cal, cando algo interfire no funcionamento do sistema educativo, o aparato Estatal (no caso galego a Consellería de Educación) lava as mans e toda a responsabilidade recae na comunidade educativa, que terá que sacar as castañas do lume como boamente poida. Agora ben, isto non é novo. Que as consellerías de educación do PPdG sempre se mostraron máis proclives a primar a idea de liberdade propia do liberalismo xa o sabiamos. A polémica arredor da obrigatoriedade do ensino en galego que tivo lugar hai uns anos informounos dabondo. Daquela, seudo movementos sociais afíns á dereita esgrimían, co beneplácito dese partido, a non interferencia da Xunta na educación lingüística das crianzas, como se estas non fosen máis ca individuos illados que rampantemente escollen como relacionarse cos demais, e non membros dunha comunidade humana na que a lingua galega non só é cooficial, senón que é tamén a lingua empregada habitualmente por milleiros de concidadáns.

David Rodríguez

Pai e escritor

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *