Skip to content

Manifesto “CON TOD@S, COMO TOD@S!”

As entidades abaixo firmantes deste Manifesto, consideramos que este é o momento de dar un salto cualitativo cara a unha educación pública de calidade para todos e todas.

Unha educación inclusiva na que non se realice distinción algunha en razón de procedencia, cor, sexo, lingua, relixión, diversidade funcional, diversidade física, diversidade intelectual, orixe social ou calquera outra condición.

A Declaración Universal dos Dereitos Humanos (1948) establece que “Todos los seres humanos nacen libres e iguales en dignidad y en derechos…” (art. 1); “Todos los seres humanos tienen todos los derechos y libertades proclamadas en esta Declaración, sin distinción alguna…” (art 2); “Toda persona tiene derecho a la educación. La educación se dirigirá al pleno desarrollo de la personalidad humana y a fortalecer el respeto a los derechos humanos y a las libertades fundamentales…” (art. 26).

A Convención sobre os Dereitos da Infancia (1989), no artigo 23 recolle que “Los estados parte reconocen que los niños y las niñas mental o físicamente impedidos deberán disfrutar de una vida plena y decente en condiciones que aseguren su dignidad, les permitan llegar a valerse por sí mismos y faciliten la participación activa en la comunidad…”.

A Convención sobre Dereitos das Persoas con Discapacidade da ONU recoñece o dereito a unha educación inclusiva que permita o desenvolvemento pleno do seu potencial humano, do seu sentido da dignidade e da súa autoestima. Con elo lograrase que estas persoas “participen de maneira efectiva nunha sociedade libre”.

Na Conferencia Mundial sobre Necesidade Educativas Especiais organizadas polo Goberno de España en cooperación coa UNESCO en Salamanca en xuño de 1994, proclámase que:

  1. Os sistemas educativos deben ser planificados e os programas aplicados de maneira que teñan en conta toda a gama de características, intereses, capacidades e necesidades de aprendizaxe diferentes que son propias de cada neno e nena.

  2. As persoas con necesidades educativas especiais deben ter acceso ás escolas ordinarias, que deberán integralos nunha pedagoxía centrada no neno, capaz de satisfacer estas necesidades.

  3. As escolas ordinarias con esta orientación integradora representan o medio máis eficaz para combater as actitudes discriminatorias, crear comunidades de acollida, construír unha sociedade integradora e conseguir a educación para todos; ademais, proporcionan unha educación efectiva para a maioría dos nenos e melloran a eficiencia e, en definitiva, a relación custe – eficacia de todo o sistema educativo.E afírmase con rotundidade : A integración e a participación forman parte esencial da dignidade humana e do desfrute e exercicio dos dereitos humanos.

A lei establece que a inclusión debe ser a norma habitual e o anterior Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Galicia, D. Román Rodríguez, apuntou que “unha das liñas prioritarias do departamento que dirixe é, precisamente, continuar avanzando na consecución dun sistema educativo cada vez máis integrador (…) e que a escola sexa o lugar onde os alumnos con necesidades específicas de atención educativa poidan desenvolver todas as súas competencias persoais, emocionais, profesionais e sociais”.

Non cabe dúbida dos avances acadados nos últimos anos neste eido, pero non é suficiente, tal e como indica o recente informe sobre a vulneración do dereito á educación de nenos e nenas en relación ao seu cumprimento da Convención sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidades realizado polo Comité das Nacións Unidas sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade (publicado o 29 de maio de 2018).

Foron anos de traballo e investigación nos que o Comité observou que “sobre o dereito á educación inclusiva, considera que o dereito á educación é o dereito de todas as persoas a aprender nun sistema educativo deseñado tendo en conta as necesidades de todas as persoas, incluídas as persoas con discapacidade, onde todos os centros educativos acollen a todos os estudantes, independentemente das súas condicións físicas, intelectuais, sociais, lingüísticas ou outras. Non só se trata de brindar unha educación de calidade, senón tamén de cambiar as actitudes de discriminación e os sistemas discriminadores, para crear sociedades inclusivas, que respecten e valoren as diferenzas e a dignidade de todas as persoas por igual. (…) Para atender adecuadamente as diversas necesidades educativas que presenten os estudantes, de modo que poidan desenvolver a súa personalidade, aptitudes e capacidades ata o máximo da súas posibilidades, débense garantir os apoios e axustes necesarios”.

O Comité considera, entre outras cuestións, que o Estado debe:

  1.  Definir claramente a inclusión e os seus obxectivos específicos en cada nivel de ensino.

  2.  Contemplar a educación inclusiva como un dereito, e non só como un principio e que todo o estudantado con discapacidade teña o dereito de acceso ás oportunidades de aprendizaxe inclusivo no sistema educativo xeral, sen importar as súas características persoais con acceso aso servizos de apoio que se requiran.

  3.  Eliminar a excepción da educación segregada na lexislación educativa, incluíndo a avaliación psicopedagóxica e o ditame de escolarización.

  4. Incluír unha cláusula de non rexeitamento para estudantes por razóns de discapacidade, establecendo claramente que a denegación do axuste razoable constitúe discriminación.

  5. Impulsen actuación e medidas normativas e presupostarias que garantan o dereito á educación inclusiva en termos acordes coa Convención.

  6.  Adopten medias de capacitación e formación profesional continuas obrigatorias que preparen ao persoal docente a traballar en entornos educativos inclusivos.

  7.  Garantir os apoios e recursos para os/as mestres/as, persoal de apoio e demais persoal do sistema educativo.Nos últimos cursos a Administración educativa está a habilitar aulas específicas dentro dos centros ordinarios, concibíndoas como a única resposta posible ás necesidades do alumnado NEAE e poñéndoas como escusa para dotar aos centros de recursos humanos (docentes especialistas en PT e AL) de maneira estable no tempo.

Esta alternativa non é inclusión, máis ben todo o contrario. As aulas específicas son un modelo segregador, discriminador e excluínte. Un substitutivo dos centros de educación especial. Coas aulas específicas redúcese a presenza, a participación e o éxito en entornos ordinarios, parámetros principais que definen a inclusión: e ntornos ordinarios conformados por persoas diversas, por grupos heteroxéneos.
Como se pode dar unha resposta educativa de calidade a 5 nenos/as de calquera idade, con diferentes diagnósticos e de diversos niveis curriculares só cun especialista?

Que é preciso para evitar que se chegue á escolarización en aulas específicas e en centros de ensino específico?

  1. Formación inicial: facer un currículo de formación de mestres/as que sexa inclusivo e no que se ofrezan ferramentas para poder afrontar a realidade tan diversa da escola.

  2.   Obrigatoriedade dunha actualización en función das necesidades que se van presentando durante o curso.

  3.  Que o/a neno/a sexa o centro do proceso de ensino – aprendizaxe, o que implica cambios obrigatorios nas metodoloxías. Os recursos teñen que ir ás crianzas e non ao contrario.

  4.  Cambio de mentalidade: é preciso un cambio de mentalidade e non considerar ás persoas con diversidade como persoas limitadas.

  5.  Revalorización dos/as docentes: hai que darlle valor e autoridade aos/ás mestres/as xa que son as persoas que van marcar parte do devir dos/as futuros/as cidadáns/ás.

  6.  Ratios e/ou parellas educativas: para que a atención educativa sexa individualizada e resposte ás necesidades do alumnado hai que diminuír as ratios (14 alumnos/as por aula) e/ou establecer parellas pedagóxicas, flexibles en función das necesidades.

  7. Papel das familias: as familias teñen que ser parte activa do proceso de ensino – aprendizaxe e deben dispor de toda a información relativa aos/ás seus/súas fillos/as, buscando a súa implicación na educación e formación das crianzas.

  8.  Estabilidade do profesorado: para poder desenvolver un programa completo e de calidade é importante que o profesorado, tanto titor como especialista (PT, AL e orientador/a) sexa estable e se manteña no tempo, garantindo unha continuidade no traballo.

  9. Aulas específicas: estanse a utilizar de maneira errónea. O alumnado non pode estar escolarizado a tempo completo nunha aula específica nin pode ser unha xustificación para a dotación de recursos. Ademais as familias deben ser as que teñan a última palabra na escolarización na educación especial, para o que deben dispoñer de toda a información veraz posible.

Considerando o disposto no marco legal actual, considerando o avance en recursos humanos, técnicos e materiais con que se ten dotado ao sistema educativo, as tendencias actuais das ciencias da educación que sinalan a pedagoxía inclusiva como a máis efectiva, considerando as diferentes experiencias de inclusión levadas a cabo en numerosos centros de Galicia e, respectando a decisión que toma cada familia, manifestamos a nosa aposta firme e decidida pola educación inclusiva para todo o alumnado, polo que solicitamos:

  • Que se poñan os medios e recursos necesarios para levar a cabo a educación inclusiva real en todos os centros de ensino.
  • Que se esgoten todas as medidas (as mencionadas anteriormente) ata o final antes de derivar a aulas específicas e centros de educación especial.
  • Proporcionar ás familias toda a información relativa ás mesmas e que esta sexa clara e veraz.
  • Que se realice unha inversión contundente en educación inclusiva, dotando aos centros de recursos materiais, técnicos e humanos necesarios e que sexan estables no tempo.
  • Que se teñan en conta as propostas realizadas para facer un cambio de mentalidade e do sistema educativo para cumprir as recomendación feitas pola ONU e garantir un ensino público inclusivo de calidade.

Á inclusión non se chega dende a segregación. A inclusión faise incluíndo e esta é posible, viable e beneficiosa para todos e todas.

Con tod@s, como tod@s!

  • FEDERACIÓN OLÍVICA DE ASOCIACIÓNS DE NAIS E PAIS DE ALUMNOS DE VIGO E COMARCA (FOANPAS)
  • FEDERACIÓN DE ANPAS ARCO DA VELLA DE MOAÑA
  • FEDERACIÓN DE ANPAS DE CANGAS
  • FEDERACIÓN DE ANPAS CONDADO, PARADANTA, LOURIÑA (FANPO)
  • ASOCIACIÓN DE FAMILIAS DE PERSOAS CON PARÁLISE CEREBRAL (APAMP)

[button link=”https://foanpas.com/web/wp-content/uploads/2019/04/Manifesto-CON-TODOS-COMO-TODOS-1.pdf” type=”big” newwindow=”yes”] Manifesto CON TODOS, COMO TODOS[/button]