segue a FOANPAS en Facebook    segue a FOANPAS en Twitter    segue a FOANPAS en Youtube   

Folga Feminista do 8 de Marzo

Prezadas familias!

 

Dende FOANPAS queremos animarvos a secundar a Folga Feminista do vindeiro 8 de Marzo non enviando as vosas fillas e fillos a escola ese día. Tampouco as actividades complementarias, aula matinal, comedor, actividades extraescolares…Convidarvos tamén a participar xuntas e xuntos, concentrándonos tras a pancarta de FOANPAS, na manifestación que percorrera Vigo o vindeiro 8 de Marzo con saída ás 20:00 dende a Praza dos Cabalos (Praza de España) e fin na Porta do Sol.

 

Como o ano pasado a folga xira ao redor de catro eixos: laboral, estudantil, de coidados e de consumo. O obxectivo é parar en todos os ámbitos, non só no emprego, para visibilizar que ocorre cando as mulleres non están e demostrar “ que sen as mulleres non se produce nen se reproduce”.

 

Pero, quen están chamadas á folga? Formalmente, os sindicatos convocan a todas as persoas que traballen, tanto homes como mulleres, así que legalmente calquera pode facela ese día. O movemento feminista, con todo, chama a unha folga só de mulleres para promover unha reflexión colectiva sobre o valor do seu traballo en todos os ámbitos. Por iso, para a Comisión do 8 M é especialmente importante a folga de coidados, coa que quere “facer patente que o sistema colapsaría sen o noso traballo cotián”. Neste sentido, piden ás mulleres que deixen ese día de encargarse das tarefas domésticas ou do coidado de fillos ou persoas dependentes: que non leven nin recollan as nenas e nenos do colexio e que deixen de lavar, pasar o ferro ou facer a comida. O traballo de coidados non remunerado segue recaendo maioritariamente nelas. Calcúlase, de feito, que os homes lle dedican de media 14 horas semanais fronte ás 72 que empregan as mulleres, sometidas a unha dobre xornada.

 

Non só a folga abarca o laboral, estudantil e de coidados. Hai un cuarto eixo, probablemente o máis descoñecido: a folga de consumo. En que consiste esta mobilización? Trátase dunha chamada a non comprar ese día. Pero non só iso. “Queremos deixar de comprar cousas innecesarias, de sobrequentar as casas, de usar o automóbil para calquera desprazamento, de acumular obxectos e malgastar alimentos. Queremos construír estratexias de consumo alternativas que axuden a crear un mundo social e ambientalmente xusto”, sinala o argumentario da Comisión do 8 M. A idea vai máis aló do propio 8 de marzo e a acción pretende fomentar un espazo para reflexionar e tomar conciencia do modelo económico actual e como afecta á vida das mulleres.

 

Con todos os eixos nunha mesma mobilización e as múltiples actividades que van desenvolverse nas próximas semanas, o movemento feminista pretende volver protagonizar unha xornada multitudinaria coa que propoñen “outra forma de ver, entender e estar no mundo”, na cal FOANPAS poremos o noso gran de area.