segue a FOANPAS en Facebook    segue a FOANPAS en Twitter    segue a FOANPAS en Youtube   

Comisión NEAE

A Comisión Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE) naceu alá por finais do 2001 cando un grupo de nais de nenos e nenas afectados/as por leucemia nos trasladaron a necesidade da atención educativa domiciliaria, conseguindo que en decembro do 2002 a Consellería de Educación aprobase unha Orde na que se garantía a atención domiciliaria.

Ao longo de todos estes anos, foron xurdindo novos retos e necesidades e unhas nais foron dando o relevo a outras. Na actualidade, esta Comisión está formada por preto de 20 familias e algún/algunha especialista colaborador/a que están a vivir o día a día da realidade das persoas con diversidade funcional.

Este grupo de traballo parte das convivencias e experiencias individuais e colectivas que están a experimentar no quefacer diario dos seus nenos e nenas con diversidade funcional no ámbito escolar. Dende as súas vivencias en centros de ensino público, enténdese que hai un obxectivo común que é  a INCLUSIÓN real no eido socioeducativo, que vai máis alá da mera integración en centros de ensino ordinario.

Baixo un clima de colaboración, afecto, motivación e acollida, facemos valoracións do sistema escolar da cidade en referencia aos escolares con necesidades específicas de apoio educativo. Nesta comisión analízanse os textos legais que regulan as atencións a estes discentes e ás súas familias, compártense experiencias e apórtanse ideas de cara a combater o inmobilismo social e promover a resolución de conflitos xerados na intervención, ou deixadez, para/con nenos e nenas con diversidade funcional.

Formamos un equipo de traballo implicado, activo e autónomo que funciona baixo o paraugas da sensibilidade e o tacto pedagóxico traballando a prol dunha mellor atención a estas pequenas persoas que máis adiante serán cidadáns/cidadás adultos/as, autónomos/as e libres, en convivencia cos/coas demais:   “CON TOD@S –  COMO TOD@S”

Día a día, semana a semana… a comisión traballa de forma totalmente autónoma a través das redes sociais e dos recursos dinámicos e colaborativos que facilita hoxe en día a rede informática da internet. O obxectivo é ir cumprindo pequenas metas integradas no proxecto de traballo definido a principios de curso ou de ano.

Mediamos en conflitos e representamos a toda a poboación escolar con NEAE co obxectivo común da INCLUSIÓN real e efectiva en todos os eidos da vida, coa pretensión de darlle voz a todas estas persoíñas. Esta comisión, a través das súas voceiras, visibilizan unha crúa realidade que están a padecer coas continuas desorientacións dunha Administración escusada no inmobilismo social e no baleiro competencial da súas responsabilidades.

Neste curso, a Comisión centrou os seus esforzos en varios eidos:

  • Na mediación coas diferentes administracións para que atendan as nosas demandas e tratar de sensibilizalos explicándolles, como nais e pais que somos, o camiño que estamos a facer e elaborando propostas, sinxelas e de custe cero ou moi reducido, que facilitarían o pleno desenvolvemento destes grandes pequenos cidadáns.

  • No apoio ás familias con alumnado NEAE, proporcionándolle información e asesoramento, acompañándoos para realizar trámites, así como facilitando a atención no comedor a nenos e nenas NEAE.

  • Na organización de actividades formativas e informativas coas que se persegue a análise e o coñecemento da situación real dos/as escolares NEAE na nos cidade para, así, buscar a maneira de mellorar a calidade desta no sistema educativo ordinario, amosando como a experiencia dos/as nenos/as diversos/as nas aulas enriquece a experiencia vital dos compañeiros e das compañeiras, así como a educación en valores.

Non queremos parques específicos para el@s, non queremos campamentos de verán específicos para el@s, non queremos que un irmán ou irmá con diversidade funcional quede fóra da actividade vendo como o seu irmán ou a súa irmá maior participa.